«O meu maior éxito deste ano foi ser sempre competitivo e útil»

La Voz VIGO

VIGO

XOAN CARLOS GIL

Delio Fernández fai un balance moi positivo do seu primeiro ano no Delko-Marseille, onde seguirá no 2017

22 dic 2016 . Actualizado a las 15:35 h.

Delio Fernández (Moaña, 1986) traballa estes días na casa para preparar a súa segunda tempada no Delko-Marseille. Tras quedar en varias carreiras ás portas do triunfo, espera que no 2017 chegue algún. Sería a única maneira de mellorar un ano do que fai un balance altamente positivo.

-¿Que valoración fai deste primeiro ano no Delko-Marseille?

-Moi positiva. Non houbo grandes contratempos, polo que puiden render ben durante gran parte da tempada con momentos nos que fun quen de brillar dentro dun calendario denso. Para min foi importante poder ser competitivo en todo momento.

-¿Cales foron os cambios que máis percibiu respecto á etapa anterior?

-A esixencia do calendario era similar á que coñecera no Xacobeo, pero con carreiras do calendario francés que para min eran novas. Tamén tiven que afacerme a unha lingua e uns costumes novos. Entre o español que falan algúns compañeiros que me axudaron moito e o francés que fun aprendendo eu a adaptación foi máis rápida do que esperaba. Aínda que o meu francés de momento só da para non pasar fame (risas).

-¿Que foi o mellor e o peor desta tempada?

-Mediaticamente sempre se fala máis da París-Niza, onde estiven moi ben, preto de disputar a vitoria aínda sendo una carreira moi difícil. E logo en Austria, sen ser de tanto nivel, si é importante e estiven no top-10 practicamente en todas as etapas. Foron os momentos nos que mellor me atopei fisicamente e os resultados foron tamén os mellores. Os peores sempre coinciden coa época das alerxias, que con elas non me atopo ben nin a vinte kilómetros por hora nin a 50, entón collín unha infección de gorxa por forzar e foi a etapa máis complicada. E logo ao final, porque xa se me fixo moi longa.

-¿Cumpriu as súas expectativas?

-Si. Cando xurdiu a oportunidade asumín a responsabilidade de saber que a esixencia ía ser maior e penso que cumprín a un gran nivel a maior parte da tempada. O maior éxito que puiden ter é que sempre fun competitivo e útil. Así que quedei contento e o equipo tamén, de feito a metade de tempada xa asinamos o contrato de renovación para este ano.

-¿Quédalle unha espiña por non ter acadado algún triunfo?

-Si, pero forma parte disto. Sempre sabes que gañar é difícil e tendo momentos de rozalo fastidia máis non conseguilo. Non hai que esquecer que formas parte dun xogo no que como ti hai máis e o importante é estar aí.

-¿Que espera do ano 2017?

-Algo similar ao que foi este. A ver se desta vez temos máis sorte, apuntamos a máis e estamos máis preto da vitoria, marcamos uns obxectivos e podemos conseguilos. Estamos traballando para iso xa desde o inverno, que é moi importante.

-¿Confía en que poida ser a tempada na que volva a disputar unha gran volta?

-O equipo ten esa ilusión e é dos candidatos a entrar nos próximos anos. Está facendo ben as cousas e vai medrando pouco a pouco. Sabemos que é difícil e, aínda que non facemos as tres grandes, si estamos presentes en carreiras pro tour e temos un calendario esixente. Gustaríame estar de novo nunha gran volta, pero non é algo que me rompa a cabeza nin me cause ningún trauma. Ademais, sei que para participar en condicións hai que sacrificar parte do calendario. Parece que se non fas Giro, Tour ou Vuelta non existes e non é así.

-¿Pode a próxima tempada ser a da súa explosión?

-Cada ano estou dando un paso adiante e espero seguir así. Non creo que teña unha marxe de mellora repentina tremenda, pero a idea é seguir nesa dinámica. Son un corredor máis sólido e hai que tratar de mellorar ano a ano.

-¿Xa con ganas de competir?

-Estamos en pleno traballo, recén chegado dunha concentración de oito días. Hai que volver ao traballo rápido porque o tempo que paras hai que recuperalo. Este ano vou retrasar o debut a finais de febreiro para chegar máis fresco á segunda parte da tempada, que favorece moito as miñas concidións. Así que de momento toca seguir adestrando duro na casa.