«Un ciclista nunca se xubila»

DEPORTES

Logo de 20 anos deixa a modalidade olímpica para correr na longa distancia e ser embaixador de marca

07 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

José Antonio Hermida, (Puigcerdá, 1978) vén de poñer fin á súa traxectoria como ciclista de montaña na modalidade olímpica logo de 20 anos enriba da bicicleta. Pero Pepiño Pistolas, oriúndo de Maceda e galegofalante na distancia, asegura que os ciclistas nunca se xubilan. Por iso dará o salto á longa distancia para seguir en activo ao tempo que enceta unha nova vida como embaixador de marca.

-¿Xa se lle pode chamar xubilado?

-Un ciclista nunca se xubila, un futbolista si, porque no momento que deixas o equipo ou xogas no garaxe da casa contra unha parede ou senón non podes xogar, pero un ciclista sempre segue sendo ciclista. Estou xubilado da Copa do Mundo e da disciplina olímpica, pero teño proxectos de cara ao futuro que se teñen que confirmar, pero que pasarían por ser embaixador de marca, de Mérida, coa que estiven tantos anos, e logo algunhas carreiras seleccionadas de maratón.

-¿Por que a decisión de deixalo?

-Son 20 anos de Copa do Mundo, é o momento de parar. Podía seguir porque este ano aínda estiven arriba nalgunhas carreiras. Era un período que quería dar por finalizado porque teño 38 anos e é o momento de deixar pasar aos máis novos e logo teño outras inquedanzas de longa distancia.

-¿Que se leva dos cinco ciclos olímpicos?

-Foron 20 tempadas. Empezar con 14 anos e ir progresando e ir conseguindo os obxectivos que me marquei na vida deportiva iso é algo que me levo eu e que está aí para bater. O que poida que o bata e haberá outro Hermida. É o único récord que lle podo gañar a Schurter e Absalon, de momento. Eu non lle dou importancia aos cinco xogos porque fixen o que me gustou, pero o 15 concédenme a Medalla ao Mérito Deportivo e algún mérito debo ter.

-Suponse que agora terá máis tempo para outras actividades.

-Iso haberá que velo. Como corredor podía dicir que non a moitas cousas, pero agora estou máis na casa e propostas e actividades para facer non me faltan. Agora teño que dicir que non e é máis difícil porque todo o mundo sabe que estás na casa.

-¿Lembra a primeira bici?

-Foi unha Mongoose de cor negra que me compraran meus pais por aprobar a EXB. De non aprobala, aquel ano non tería a bici.

-¿E a primeira carreira?

-En Llivia. Foi no verán do 91. Uns amigos ían en mountain bike, e eu usaba a bici para ir pescar e para dar unha volta pola montaña e dixéronme que fora con eles e que me apuntase. Fun e gañei. Gustoume a experiencia de gañar, de ir rápido e de sufrir, logo fixen outro ás tres semanas é perdín. Non foi talento espontáneo, senón ir picando pedra. Ese reto de gañar a primeira e perder a segunda fixo que me puxese as pilas e que quixese mellorar.

-E agora toca pensar na modalidade de maratón.

-A miña idea é tomalo en serio, pero non facer todas as fins de semana, senón as catro ou cinco probas máis importantes que hai a nivel internacional. Dependerá un pouco da función que teña que facer en Mérida como embaixador.

-¿Non se plantexa acabar de comentarista deportivo como o seu amigo Flecha?

-De momento non, pero nunca se sabe. O Flecha, con que falo a menudo, está moi contento, quedóuselle o acento de Londres e faino moi ben. Está moi documentado e aporta un punto fresco nas retransmisións. Podería ser unha opción, o mountain bike a nivel televisivo pasa por Red Bull, pero agora penso noutras cousas.

-Vostede polos idiomas non sería. ¿Porque ten tanta facilidade para falar tantos?

-A necesidade fai ao ladrón. É debido ao mountain bike. Aínda que aquí, no Pirineo, ata os 14 anos no cole aprendes francés, e logo puiden escoller inglés. Ao estar sempre en equipos internacionais fixo que os meus compañeiros foran estranxeiros: franceses, suízos, alemáns e italianos, e ao final falas de todo. Cando traballas no estranxeiro é o que tes que facer. Ás veces a xente pensa que ir ao estranxeiro é algo malo, pero cando se lle busca a parte positiva, abres máis camiño, aprendes idiomas e coñeces xente.

-¿E como fai para non perder o galego?

-Só falo galego con meus pais e coa miña irmá. O meu galego é un galego de falar, non fun á escola nin a cursos, nin vexo a TVG. É un galego de Maceda. Gústame falalo e cando estou con Pablo [Rodríguez] cústalle, parece que a el falar galego fáiselle estraño. ¡Manda carallo sendo de Maceda!

 

en corto

-¿Que coche ten?

-Teño unha Volkswagen Multivan e outro coche máis pequeno para levar aos rapaces ao colexio.

-¿Cal é o seu prato preferido?

-Ensalada caprese con tomate e mozarella, pasta con aceite e tiramisú. Non sería un prato, senón o menú que máis me gusta.

-Unha bebida.

-Auga. Teño unha adega de viño, pero non bebo, e na miña casa non hai cervexa. Se vés algún día, tesmo que dicir para mercala. De vez en cando tomo Coca-Cola nas últimas voltas da carreira pero por esixencia laboral, que non por gusto, porque non me van os azucres.

-Unha película.

-Moitas, O señor dos aneis, A lista de Schindler, miro un pouco de todo. Gústame tanto a acción coma o drama. Igual que me pasa coa musica. Son bastante legal, merco toda a música, en iTunes, e merco de todo, dende tecno, dance, chill out, o que está de moda.

-¿E cos libros?

-Gústame ler, pero leo máis que nada por culturizarme no meu ámbito. Revistas de ciclismo, temas de adestramento, tamén algún libro máis rebuscado.

-¿É de videoxogos?

-Non moito. Cando era pequeno tiña a Play Station famosa, tiña xogos de ralis e de bicicletas e o que facía era poñerme encima da bici a rodar e xogar na Play Station, coordenaba diferentes habilidades ao mesmo tempo.

-¿Gustaríalle coñecer a algún persoeiro histórico?

-Gustaría reencarnarme en alguén que vivira ben, coma o xefe dun castelo.