«O Agostinho adáptase moi ben ás miñas características»

Adrián Lorenzo VIGO / LA VOZ

VIGO

Inicia hoxe o trofeo luso con boas sensacións

09 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Tralo terceiro posto conseguido o ano pasado, Delio Fernández (Moaña, 1986) quere voltar a facer un bo papel na Volta a Portugal 2015, o prato forte da tempada. Non obstante, o obxectivo pasa antes por facer un bo papel no trofeo Joaquim Agostinho, unha das citas clásicas do calendario luso, que comeza hoxe. O moañés, que compite co Quinta da Lixa, pelexará para revalidar un título que defende.

-¿Como están sendo as sensacións nesta pretempada?

-Estivemos ata hai uns días concentrados en Navacerrada. A verdade é que as sensacións e os resultados están sendo moi bos. Estamos nun momento extremadamente importante debido a que a Volta a Portugal é o noso principal obxectivo e xa a temos á volta da esquina.

-Antes desa competición, está o Joaquim Agostinho. ¿Pode repetir a vitoria do ano pasado?

-A verdade é que é unha carreira que se adapta moi ben ás miñas características. Non nos podemos confiar. É unha competición moi dura pero podémolo volver conseguir. Aínda que non vai ser para nada fácil, os nosos rivais vannos poñer as cousas moi complicadas, estou seguro.

-¿En que condicións físicas chega ao Agostinho?

-Se queremos que as cousas vaian ben, a estas alturas xa temos que estar nun bo estado físico. Aínda que, sinceramente, creo que me falta algo de ritmo de carreira. A nosa idea é rodarnos un pouco máis nesta cita para chegar en mellor estado á Volta a Portugal. Como digo, dar o máxino nesta competición é a principal meta do noso equipo.

-Entón, ¿o obxectivo do Quinta da Lixa é gañar a Volta a Portugal?

-Nós imos coa idea de axudar ao meu compañeiro arousán, Gustavo César Veloso, a repetir a vitoria do ano pasado. É o principal favorito para conseguilo e cremos que este ano volvemos a ter opcións. Sen nengunha dúbida, intentaremos volver a gañala.

-¿Cal será o seu papel para a proba raíña do ano, a Volta a Portugal?

-No meu caso, a idea inicial é axudar a Gustavo a conseguilo. Despois, se podo quedar nunha boa posición, mellor. O ano pasado xa fun terceiro. Será difícil repetir este posto.

-¿Gustaríalle ter un maior protagonismo no seu clube nesa competición?

-A idea do equipo é ter dúas estratexias para a carreira. A primeira baza é priorizar o papel do meu compañeiro Gustavo. Dependendo de como vaian as cousas pode que eu tamén entre na pelexa. Penso que cada vez estou máis preto de conseguir esta oportunidade. A estratexia será unha ou outra pero, non haberá problema, entendémonos moi ben.

-¿Que rivais poden competirlle a vitoria ao Quinta da Lixa?

-Un dos principais adversarios é o estradense Álex Marque. É un ciclista que ten moita experiencia. Despois, seguro que todos os equipos portugueses presentan batalla. Penso que Luis Sousa tamén pode ser un dos favoritos para a vitoria.

-¿Que etapas serán as máis complicadas da volta deste ano?

-Para min, as contrarreloxos e as etapas especiais de montaña. Se tivese que elixir unha, quédome coa subida á Serra da Estrela. A ascensión final ata o Alto da Torre é moi dura.

-Despois da Volta a Portugal, ¿onde rematarán a tempada?

-Case finalizamos o ano con esa carreira, pero aínda iremos a Brasil a competir uns días. O importante vén agora. Temos que prepararnos ben para a Volta.