«Induráin e Chiapucci teñen gran culpa de ter 1.000 ciclistas na proba»

DUMBRÍA

O Gran Fondo Ézaro celebrarase o sábado cun gran éxito de convocatoria

30 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ezequiel Mosquera míguez exciclista e xerente da empresa Emesports

Ezequiel Mosquera Míguez, exciclista profesional durante doce anos e xerente da empresa Emesports, é unha das bazas para darlle un gran impulso ao Gran Fondo Ézaro, que se celebrará o sábado coa presenza dun milleiro de ciclistas. El foi o que xestionou a participación de Miguel Induráin e Claudio Chiapucci.

-¿Pensaban chegar aos mil corredores?

-Induráin e Chiapucchi teñen gran culpa de ter 1.000 ciclistas na proba. Na edición do ano pasado a cifra estivo nos 400 e eu estaba convencido que con pequenos detalles chegariamos aos 600. Unha vez acadada a participación destas dúas figuras, a política era clara, bombo, pratiño e preparar o terreo para a gran cita. O resto veu todo rodado.

-E comezou cunha posta en escena diferente.

-Había que facer algo distinto. Un día tomando uns cafés con Terio Carrera, sáenlle as ideas por segundos e dixo: ¿E por que non ao pé da cascada? Ir alí, ver o escenario era pensar moi pouco.

-¿Ten Emesports, a súa empresa, experiencia nestes temas?

-É unha empresa de estruturas, servizos e apoio técnico a organizadores, como neste caso o Concello de Dumbría. Estivemos presentes na Volta a Galicia, algunhas probas máis da federación, campionatos de España en 10.000 ou carreiras de running, na que habitualmente se superan os mil inscritos. Agora ben, O Ézaro si é un evento excepcional, polo escenario, pola subida e pola comarca. Ademais o Concello pon moita ansia no seu tesouro. Tratándose dunha proba ciclista, que é a nosa especialidade, caeu nas nosas mans e, evidentemente, lanzámonos a levalo a cabo.

-¿Foi difícil traer a Induráin e a Chiapucci?

-Máis fácil do que pode parecer, polo menos para min, e dígoo con toda a humildade do mundo porque eu fun o primeiro sorprendido. Todo foi así: ¿Que pasa Mosquera? El Ézaro? Pues sí, ¿por qué no? Deste xeito quedou todo feito en poucos segundos.

-Nesta edición cambiouse o nome a proba.

-É unha carreira popular de ciclismo, como pode ser un running ou noutras tantas modalidades deportivas. Gústame fuxir dos termos gastados ou moi utilizados e, ademais, gústanme os nomes que aportan toques míticos, como neste caso O Ézaro.

-¿Como se pode controlar un pelotón cun millar de ciclistas?

-Non será fácil, pero poñeremos todos os medios para levar todo adiante sen incidencias. QH, con 7.000 ciclistas, ou Lagos de Covadonga, con 3.500, son referentes e xestiónamos sen problemas. Aquí non imos ser menos.

-¿Que será o máis complicado?

-O Ézaro é o que é. Un lugar encantador, pero con moi poucos servizos, e iso hipotécate en moitas cousas. Pero xa o sabiamos dende o principio e tivemos tempo para planificar. Hai que levar duchas portátiles, baños, comida. Ata o aparcamento pode ser unha complicación. Pero complicado será tamén que moita xente atope aloxamento nos arredores, porque a Costa da Morte nunca foi coñecida polo turismo. Pero é o que buscamos é petar a Costa da Morte con un acontecemento deportivo. Complicacións haberaas sempre.

-O Mirador do Ézaro é o gran reto, pero antes pasan polas Paxareiras.

-As Paxareiras é o primeiro prato para un gran menú. Un prato único non queda ben, e Paxareiras é o entrante perfecto por distancia coa meta e dureza. Eu fixen os dous últimos anos e vin potencial na proba. Non quero esquecer ao Concello. Eles poñen os vimbios, o mérito é deles. Nós buscamos facelo ben.