Delio Fernández: «Logo de caer o ano pasado, corrín esta Volta con certo medo»

Míriam Vázquez Fraga VIGO / LA VOZ

VIGO

Fernández milita de novo esta tempada nas filas do Quinta de Lixa portugués.
Fernández milita de novo esta tempada nas filas do Quinta de Lixa portugués.

Quedou segundo a sete segundos no Alentejo, que abandonara na edición 2014

01 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O ciclista Delio Fernández (Moaña, 1986) vén de acadar o segundo posto na Volta ao Alentejo. Malia que lle queda a espiña de non ter conseguido ningunha vitoria de etapa e de rozar o primeiro caixón do podio -quedou a sete segundos-, síntese satisfeito tanto polo seu papel como polo do equipo no seu conxunto. Ademais, este posto suponlle deixar atrás a edición do ano pasado, na que unha caída lle impediu rematar a rolda.

-¿Satisfeito con esta segunda posición?

-Estou moi contento, a verdade é que non me podo queixar. É unha proba desta época da primavera na que o importante é empezar a facer boas pernas. Ademais, cría que non chegaba nas mellores condicións, que quizais estaba algo xusto de forzas aínda. O equipo apoioume e creo que fomos quen de facer un bo papel.

-¿Sentiuse mellor do que esperaba durante esta competición?

-Si, porque chegaba con bastantes dúbidas. A iso hai que engadir que non é un percorrido moi favorable ás miñas características e aínda así estivemos case sempre loitando polos triunfos de etapa e tamén moi preto do gañador na clasificación xeral. Íamos dous corredores á fronte do equipo e segundo como fosen as cousas en cada momento, o grupo ía respaldar a un ou ao outro.

-¿Quédalle a espiña de ter rozado estas vitorias parciais e máis a final?

-Claro, sobre todo polo primeiro día, que a falta de 200 metros sentín que me faltaba o aire e ao final fun terceiro. Nun esprint desas características, con seis corredores, ás veces non é fácil de xestionar e os demais estiveron máis fortes neses metros finais. A nivel de equipo, está claro que nós iamos co obxectivo de gañar, pero estivemos rozándoo en todas as etapas e iso fainos quedar cunha sensación de traballo ben feito, de que o esforzo que estivemos realizando ata agora serviu. Dános moita confianza para afrontar as nosas próximas metas.

-Aparte dese final da primeira etapa, ¿viviu algún outro momento complicado ao longo desta Volta ao Alentejo?

-Si, porque aínda que non é uha volta de montaña, si que é dura. Ten moito sube e baixa, o que adoita provocar moitas caídas e leva a que haxa sempre certa tensión entre os corredores por tratar de evitalas. Nós, por sorte, esta vez puidemos conseguilo despois de que eu caera o ano pasado e rematara no hospital, tendo que abandonar.

-¿Tivo moi presente nesta edición o sucedido daquela?

-Si, unha experiencia como esa lévate a procurar estar aínda máis atento xa desde o quilómetro cero. Logo desa caída, este ano corrín con certo medo e con esa tensión que dicía, procurando sempre non quedar cortado polo vento, que é moi perigoso cando falamos de alta velocidade.

-¿Cales son eses próximos retos inmediatos do equipo que mencionaba antes?

-Agora, no próximo mes e medio, imos estar en varias probas do calendario español. En primeiro lugar temos esta fin de semana temos o Gran Premio Miguel Induráin en Navarra, que é unha cita moi importante para nós. Logo estaremos a Klasica de Primavera de Amorebieta, na Volta a Castela e León e despois xa a Volta a Madrid, no mes de maio. Todo isto de cara a preparar o maior obxectivo, que é a Volta a Portugal que se disputa en agosto.