«Teño máis responsabilidade, pero non máis presión»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo VIGO / LA VOZ

MOAÑA

Oscar Vazquez

O moañés comeza hoxe a tempada participando na Volta ao Algarve

18 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Delio Fernández celebrou onte o seu vixésimo noveno aniversario subido á bicicleta en terras portuguesas. O ciclista profesional de Moaña inicia hoxe a tempada participando co seu equipo, o W52 Quinta da Lixa, na Volta ao Algarve, a cita que da o pistoletazo de saída ao ano ciclista en terras lusas. Alí chegou hai cinco tempadas procedente do extinto Xacobeo, e alí está coleccionando boas actuacións e recoñecementos.

-Hoxe inicia na Volta ao Algarve a tempada. ¿Xa tardaba?

-Esta proba é a que supón o inicio da tempada e a que me serviráservirá para coller un pouco de ritmo. Ten moito nivel, veñen os equipos Pro Tour, e xa rodados, mentres que para nós é a primeira carreira que facemos, así que é unha dificultade engadida, pero afrontámola con ganas.

-¿Con qué sensacións chega?

-Agora aínda estou algo falto de ritmo, aínda que é a tónica xeral. Acadar algo nesta volta, que ten moitísimo nivel, e á que aínda non chego rodado, é moi difícil, pero hai que tentalo. Nós sempre traballamos de cara á Volta a Portugal, que é no mes de agosto, aínda que antes correremos varias probas importantes.

-¿Que tal foi a preparación invernal?

-Creo que ben. Facer un bo inverno garante os cimentos da tempada. Este ano estamos contentos cos resultados da pretempada. O tempo en Galicia foise portando, salvo este úlitmo mes, e iso permitiume chegar con máis quilómetros que outros anos.

-Continúa un ano máis no equipo Quinta da Lixa. ¿Cal vai a ser esta vez o seu rol?

-É moi semellante ao ano pasado. Gustavo Veloso e eu somos os corredores de referencia para a Volta a Portugal. Alí tentaremos revalidar o título dos dous últimos anos, e eu estarei como principal escudeiro de Veloso. O ano pasado xa subín ao podio e acadei vitorias antes e despois da Volta. Axudei a gañarla e obtiven ese premio inesperado de estar no podio, así que este ano tentaremos repetir os éxitos.

-¿Percibe que agora ten máis presión no equipo?

-Teño máis responsabildidade, pero non presión. Somos humanos e podemos fallar, pero tamén teño máis seguridade. Sei que se traballo ben, se as cousas saen ben, acadarei un nivel semellante ao do ano pasado e lograrei bos resultados. Gañar ou non gañar depende ás veces un pouco da sorte ou das circunstancias. Así que, teño responsabilidade, pero tamén máis seguridade, que é algo que che dan os anos e os éxitos.

-Entón, no ciclismo a veteranía tamén é un grao.

-Si, porque hai moitísima igualdade e moitas veces as experiencias pasadas en momentos de dificultade sérvenme de axuda. Penso, ?o ano pasado ía con unhas sensacións parecidas, e estaba diante?. Os anos fanche correr doutro xeito e dos erros aprendes. En momentos decisivos a experiencia sempre pode valer.

-¿Cales serán os puntos fortes do calendario deste ano?

-Imos facer o Agostinho, que é a antesala da Volta. É unha proba importante que xa gañei o ano pasado. A curto prazo temos a Volta ao Alentejo, que é importante, e despois estamos por confirmar algunas citas do calendario español. A idea do equipo é ir a facer de novo varias probas en España.