«Estou con moitas gañas porque volvo a competir. Necesitábao»

DEZA

Dí que quere pasar páxina despois dos duros momentos do ano pasado

13 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Álex marque ciclista estradense

O ciclista estradense Álex Marque porá fin o vindeiro mércores 18 na saída da Volta ao Algarve a algo máis dun ano case en branco. Chega coa súa inocencia probada despois de que a UCI e a Federación Española de Ciclismo arquivaran a finais de xullo o proceso que lle abriran pola aparición de betametasona nunha análise que lle fixeron na Volta a Portugal 2013 que gañou. Despois de oito meses de loita nos despachos para defender como dixo dende o primeiro momento que sempre cumprira a normativa e na que tivo e un gran apoio social, agora volve á loita nas estradas. Mañá sábado é a presentación do equipo portugués Efapel, polo que fichou no pasado novembro para esta volta á competición, e no que tamén estará o estradense Óscar González, que non participará nesta primeira cita do calendario no ano do seu salto a profesionais.

-¿Como afronta este regreso á competición despois dun ano case en branco?

-Estou desexando empezar. Foi moito tempo adestrando sen saber onde ía correr e a partir de agora xa partes doutra maneira, sabendo que vou empezar aquí e o calendario que teño.

-¿Como está de forma?

-Nos adestramentos síntome máis ou menos ben. Sei que me faltan altas intensidades, pero prefiro ir a esta Volta para coller un punto de referencia para saber o que me falta ou o que non. Pero sei que seguramente me falte porque é tempo sen competir. A partir da Volta haberá que facer unha avaliación e saber se estou ben, o que teño que mellorar. Penso que non vou a desentoar.

-¿Parte con algún obxectivo nesta primeira cita da tempada?

-Máis ven ir véndome e encontrándome. Na primeira etapa faltarame ritmo pero ir vendo como vou indo día a día. Por exemplo, este ano, practicamente non fixen traballo con cabra -aínda me chega esta semana- entón para a contrarreloxo descártome porque non tiven a oportunidade de adestrar como me gustaría. Non é un obxectivo que teño esta Volta ao Algarve porque estarán equipos Pro-Tour que veñen de correr dúas ou tres voltas -Mallorca, San Luis, Catar, Dubai- e nós en Portugal é a primeira carreira que nos atopamos. Entón eles veñen cun pouco de ventaxa nese aspecto e nós un pouco faltos de ritmo.

-Cando fichou polo Efapel en novembro dicía que o que quería era recuperar a alegría e desfrutar enriba da bicicleta, ¿xa a vai recuperando?

-Aínda non nos xuntamos moitas veces o equipo, pero a partir de agora xa temos a concentración, imos a competir un pouco xuntos e estou con moitas gañas porque volvo a coller a dinámica de competir e de traballar. É algo que necesitaba.

-¿Saca algunha conclusión do proceso coa UCI e a Federación Española de Ciclismo que rematou arquivando o caso?

-Simplemente quero pasar páxina. Foi unha etapa da vida da que quero pasar páxina canto antes e mirar para adiante e non mirar atrás. Pasou e por moitas máis voltas que lle deas non vou poder a cambiar o pasado pero esperemos poder cambiar o futuro.

-Un dos equipos que vai estar na Volta ao Algarve é Movistar. Coa perspectiva do tempo, ¿arrepíntese de fichar con eles?

-Non. Foi na altura que foi. Para min era unha oportunidade e despois quizás eles non se portaron adecuadamente. Simplemente, eles van facer a súa carreira e eu vou facer a miña. Non quero entrar en nada máis.

-¿Como está o proceso xudicial?

-Aínda non se resolveu. Estamos á espera da data do xuízo.

-Este ano correrá de novo en Portugal. Cando fichou dicía que regresaba a onde sempre o quixeron, ¿descarta xa poder correr nun equipo español?

-É algo que me da igual. Quero acabar a carreira o mellor posible, disfrutando da bicicleta. En Portugal estou ben e se se me presenta a oportunidade fóra, benvida sexa, pero non é algo que me obsesione. Sei que agora non é que sexa difícil, é que practicamente non hai posibilidades.

-¿Cal é a meta que se marca nesta tempada? ¿Repetir o trunfo do 2013 na Volta a Portugal?

-Si. É o obxectivo tanto meu como do equipo. Despois, a medida que vaia pasando a tempada, se vemos que hai algunha carreira por aí que se adapta as miñas características e que sexan compatibles coa Volta á Portugal, é evidente que me gustaría disputar algunha nos próximos meses. Prefiro facer dous ciclos de forma que un.

-¿Xa ten definido o calendario?

-O equipo corre bastante calendario en España. Amorebieta, Volta a Rioja, Asturias, Madrid, Miguel Induráin e algunha clásica máis.

-Vai ser un dos xefes do equipo, ¿iso é máis responsabilidade neste regreso?

-É responsabilidade ser un dos referentes do equipo. Temos un equipo con bastante calidade e cada un terá a súa oportunidade no seu momento porque é imposible que un ciclista estea ben durante todo o ano. Entón, ata a Volta a Portugal repartiranse un pouco os papeis. Despois nela, traballarán para min e para outro compañeiro porque sempre hai que xogar con dúas bazas mellor. Somos persoas e calquera pode fallar. É responsabilidade porque hai que facelo ben.

-E compartirá equipo con outro estradense, Óscar González...

-Levamos moitos anos xuntos e nunca compartimos equipo. A verdade é que se lle presenta unha oportunidade boa. É xoven, ten moito por diante e agora depende de el. Véxoo bastante centrado, fixo un bo inverno e esperemos que os resultados o acompañen. Ten moito que aprender, como nos pasou a todos cando pasamos a profesionais, pero físico ten.