«Se á Volta a Portugal lle chaman a Grandíssima é por algo»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

DEPORTES

O vilagarcián reivindica o ciclismo máis aló do Tour, de La Vuelta e do Giro. Con 34 anos pode sentenciar que "o que tiña que facer na miña carreira, fíxeno. Quizais non estiven no momento e no lugar oportunos"

13 ago 2014 . Actualizado a las 23:44 h.

Con un notable cansancio Gustavo César Veloso atendeu onte a La Voz por teléfono desde Portugal, de onde agarda voltar hoxe ben entrada a noite tras tres días de festexos e inacabables actos protocolarios aos que o obriga ser o gañador da Volta a Portugal 2014. O vilagarcián aproveita para agradecer a familia, amigos e demáis seareiros que o apoiaron todo este tempo cara o triunfo final.

-Dous días hai da súa coroación en Lisboa, e segue a facer traballo de camisola dourada polas estradas de Portugal...

-Si. Se che digo a verdade prefiro facer unha Volta a Portugal que ter catro días coma este. Na carreira descanso, aquí non. E a isto, á festa, non estou acostumado. O que peor levo da Volta é isto. Pero forma parte do espectáculo.

-Din que as celebracións dos portugueses son de aúpa...

-Son bravos. Son bastante bravos. A verdade é que si. Chegamos o domingo de Lisboa a Sobrado, con cea e recepción á noite pecha. Ó día seguinte actos protocolarios, comida, cea, cuns, con outros, cun patrocinador, con aquel... Hoxe -por onte- saíronme máis actos. Mañá -por hoxe- teño unha recepción na Cámara -Concello- de Valongo. Despois teño unha entrevista nunha televisión de aquí, e de aí a unha cea con outro dos patrocinadores.

-Xeral da Volta a Cataluña 2008, vitoria de etapa na Vuelta a España 2009, Volta a Portugal 2014. ¿Con cal dos tres fitos da súa carreira se queda?

-Polo que significa, a nivel deportivo e un pouco sentimental, polas dificultades que levo pasando estes últimos anos, quizais a Volta a Portugal é a que mellor me sabe. A nivel institucional, o nivel márcao a UCI, pero o nivel de dificultade márcano os ciclistas na estrada. E se á Volta lle chaman a Grandíssima é por algo. É unha carreira que me gusta, e serve de reivindicación. Para facer ver que seguimos estando aí. O ciclismo non só son o Tour, La Vuelta ou o Giro.

-O seu en Portugal foi un triunfo incontestable. Quizais co único matiz dese momento de desconcerto do seu equipo na Torre que obrigou a Delio Fernández a parar en seco para arroupar o líder....

-Desconcerto só se víu desde fóra. Nós desde dentro non vivimos ningún desconcerto. Sabiamos que tiñamos o comodín de Delio. Mandámolo por diante para facer de freo, e que os rivais traballasen por detrás. Ó final os rivais non o fixeron, e eu tiven que asumir a responsabilidade antes do previsto. O noso director tivo que tomar unha decisión. Os xuíces árbitros da carreira non deixaban pasar adiante o noso coche, por non levar a fuxida o minuto de rigor. De feito Delio miraba para atrás seguido. Son cousas que falamos antes da etapa. Eu son o primeiro ó que lle doe que un compañeiro teña que renunciar a unha etapa por min. Pero somos profesionais, e a todos nalgún momento nos toca facer algo así. Demostrouse que as carreiras como a Volta se gañan coletivamente. E ó final Delio tivo o seu podio, a xusta recompensa ó sacrificio que fixo.

-Din os que o coñecen ben e o seguen sobre o terreo que nunca o viran tan tenso e reservado nunha carreira coma nesta Volta......

-Levar o maillot amarelo é unha gran responsabilidade. Os teus compañeiros supeditan ós seus obxectivos persoais para poñelos ao servizo dos coletivos. Hai cousas engadidas que hai que saber dixerir. Eu chegaba ó hotel 1,5-2 horas máis tarde cós meus compañeiros. Ducha, cea, masaxe e á cama. Non tiña máis tempo.

-A súa escadra comezou a Volta cun troco de director deportivo de última hora. E inda así, gañaron...

-Que houbo dificultades é innegable. Problemas administrativos e económicos. A dirección do equipo tomou as decisións que tiña que tomar, polo que fóra. E ó final parece que non foi mala decisión. Agora hai que tirar para adiante, e que se salve o proxecto.

-A súa semella unha carreteira empinada nos últimos tempos. No 2011, con 30 anos e vendo unha tempada sen equipo tras a desaparición do Xacobeo moitos outros terían tirado a toalla. ¿De que pasta está feito Gustavo César Veloso?

-Ao final foron circunstancias da miña vida. Altos e baixos. Ó final optei por seguir cara adiante, e aquí estou. Son bastante cabezón.

-Din que é un dos corredores máis intelixentes do pelotón...

-Non me considero nin máis nin menos intelixente. Considero que en determinadas situacións nas que outras persoas non son quen de pensar, pola carreira, polo nerviosismo, porque vas a tope, eu fágoo antes de executar as cousas. Penso que non se me dá mal. Pero eu tamén me equivoquei moitas veces, e deses erros aprendín.

-Dentro e fóra da carreira fálase de vostede con respecto e admiración. Ese tipo de galóns van máis aló dunhas grandes pernas...

-Si. Ó final é dar o que recibes, recibir o que das. Ti es respectuoso coa xente, e a xente éo contigo.

-Correu un Mundial Sub-23 no 2000, formando parte dunha selección con Valverde, no 2005 liderou tres días o Tour do Porvir de Francia. Pero a chamada dun grande nunca chegou. ¿Cuestión de calidade, de sorte, de padriños...?

-Non sei. Teráslle que preguntar ós grandes. Eu o que tiña que facer, fíxeno. Andar. Todos saben que son un bo ciclista. Quizais non estiven no momento e no lugar oportunos. Pero non lle dou voltas. O que pasou, non se pode cambiar.

-E agora, con 34 anos e o seu palmarés ¿Cal é o perfil do treito final da súa carreira?

-Nin idea. E prefiro nin miralo. Quero ir ano a ano, sobre a marcha. E o que teña que ser, será. De nada vale comerme a cabeza pensando querer ir a un grande. É algo que aprendín co tempo. O ano pasado queríanme facer 2 anos de contrato no equipo, e eu asinei un só.