Gustavo C. Veloso: «Agardo non ter que disputar a Volta na crono como o ano pasado»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

DEPORTES

O vilagarcián do OFM afronta hoxe a etapa raíña coa intención de ampliar a súa vantaxe

07 ago 2014 . Actualizado a las 18:02 h.

Gustavo César Veloso afronta hoxe a etapa raíña da Volta a Portugal, á que chega coma líder tras unha xornada de descanso na que analizou o feito e por facer na edición 2014. A súa intención hoxe, aumentar a vantaxe respecto a Luis León Sánchez, a quen ve coma o seu gran rival, na mesma chegada de categoría especial, o Alto da Torre, no que gañou hai un ano.

-¿Como se atopa logo de sete días de competición?

-Ben... A verdade é que un pouco canso. Pero agardemos que todos os demais estean igual de cansos cá min. Ó final nas etapas estou adiante. Iso significa que estou a recuperar ben.

-¿A que dedica a xornada de descanso o líder dunha ronda como a Volta a Portugal?

-Pois mira. Erguínme ás 8 da mañá -hora portuguesa-, e almorcei. Acudín a unha entrevista. Collín os bártulos e fumos recoñecer o percorrido da contrarreloxio. Fixemos 60 kilómetros, incluidos os 29 da crono. Voltamos ao hotel a atender os medios de comunicación ata última hora da tarde, e de camiño comín un bocata e froita.

-Hai un ano chegaba á xornada de descanso da Volta terceiro a 7 segundos do primeiro posto. Hoxe viste de amarelo líder. ¿Cámbialle a perspectiva da carreira?

-Non. O ano pasado cheguei ao día de descanso bastante favorable. E este ano igual. Agardemos poñelo máis favorable. Agardo non ter que disputar a Volta na crono como o ano pasado, afrontala con máis tranquilidade. Para iso mañá -por hoxe- terei que distanciar a xente máis perigosa. Neste caso Luis León Sánchez. Tal e como está a xeral o meu gran rival é el, e é un gran contrarreloxista. Só teño 29 segundos de vantaxe con Luis, e sería saír cunha vantaxe demasiado curta na crono. A ver se podemos aumentala.

-Entón mañá -por hoxe- tocarálle atacar...

-Non sei. Os rivais van ter que atacar para loitar pola carreira e sacarme o maillot. Eu atacarei en función dos rivais, e como me vaian as forzas. Se me vexo con forzas e a Luis non, deberei atacar. Se non, tocará ser máis conservador. O que mandan son as pernas. E se teño que atacar, atacarei.

-Na primeira parte da competición víuselle moi enteiro. Transmite unha extraordinaria seguridade. Vostede, e o seu equipo...

-Sí. Ó final a única diferenza cos anos anteriores é que nunca estiven tan delgado. É o que me está dando pasar sen tantas dificultades a montaña. Cando comecei pesaba un kilo menos có ano pasado, 69. E o traballo do equipo que teño é impresionante.

-¿Estamos ante o vindeiro gañador da Volta a Portugal?

-Dígocho o domingo cando chegue a Lisboa.